5/8/10

Chupa Ovos

Valoración:

O Chupa Ovos é un mítico restaurante do Porto da Guarda no que se come moi ben de racións a uns prezos máis baratos que no resto dos restaurantes da zona portuaria. É un lugar diferente. A clientela habitual son os lugareños. Probablemente, unha das mellores opcións para comer ou cear nesta vila.

A guiamichelíns estivo alí:

O Chupa Ovos non está no mesmo paseo do porto xunto co resto de restaurantes para turistas senón a uns cantos chanzos subindo unha das escalinatas entre as casas dos mariñeiros. Aparcade na zona do porto e preguntade a algún nativo polo Chupa Ovos. O curioso cartel do establecemento asegura que levan abertos desde a década dos sesenta aínda que hai poucos anos fixeron unha remodelación total e o restaurante xa nada ten que ver coa casa de comidas que era no pasado. Agora todo está noviño do trinque aínda que a ambientación é un chisco "particular". Non é un sitio fino, iso desde logo, pero a mesmísima Marquesa de Pitiminí podería comer alí e non tería queixa da limpeza e atención ó cliente. Quizais hai demasiada luz artificial, e quizais o da porta automática de corredeira non sexa moi enxebre pero unha vez que sentedes nunha das moitas mesas dende as que se pode observar como traballan atarefadas na cociña aberta ó comedor un par de avoas e varias persoas máis comprenderedes que estades nun sitio diferente, dos que quedan poucos.

A carta de viños brancos é moi boa e predominan os do Rosal, como debe ser nesta comarca. Oxalá outros restaurantes do Baixo Miño tomasen nota e ofrecesen unha ampla variedade de brancos autóctonos.

Para comer, hai de todo un pouco. Recomendamos aquelas especialidades que van seguidas na carta do apelido da casa: O "Revolto Chupa Ovos", por exemplo, é moi saboroso. Unha curiosidade é o "Polo Adjamelado": finos filetes de peituga escabechados de sabor excelente. Se vos ofrecen a "Carrilleira Guisada" fóra da carta, non o dubidedes. Peixe espada con rebozado crocante (está realmente conseguido). As gambas á prancha, no seu punto. As racións son, en xeral, xenerosas. As camareiras e camareiros moi amables pero sen atosigar. Dúas persoas poden comer ou cear ben cunha botella de bo viño do Rosal sen chegar ós corenta euros. As noites de fin de semana, mesmo no inverno, convén ir cedo ou non atoparedes mesa pois é un dos lugares favoritos dos nativos.

Se queredes saber máis:





1 comentario:

  1. ¡Muy recomendable este sitio! Tienen platos muy ricos y a buen precio. El único defecto que le encuentro es que el lugar es poco acogedor: demasiada luz y muy blanca. No es el sitio ideal para una cena romántica pero si lo que se quiere es comer bien y barato, es el ideal.

    ResponderEliminar