Mostrando entradas con la etiqueta Concello da Guarda. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Concello da Guarda. Mostrar todas las entradas

30/3/11

Area Grande

Valoración:

Restaurante sen pretensións no que se pode comer moi ben a prezos asequibles. Boa situación, amabilidade, sobriedade e boa cociña caseira.

A guiamichelíns estivo alí:

É fácil chegar; o Area Grande está xusto fronte á pequena praia guardesa que lle dá nome. Os sábados e domingos adoitan facer cociña caseira fóra de carta. Normalmente, guisos moi recomendables. Precisamente por ese motivo os clientes habituais acaban axiña coas existencias, razón pola cal, recomendamos ir cedo. A partir das tres é dificil que queden existencias máis alá das habituais da carta.





Seguindo a nosa liña habitual, trataremos aconsellarvos para que comades o mellor posible a prezos contidos. Deste xeito, sería unha moi boa elección comezar cuns calamares rebozados. O pulpo á feira, a tortilla de patacas ou as croquetas de xamón/carne son tamén moi apetecibles. As zamburiñas non están mal, quizais algo aceitosas de máis e as empanadas, aínda gozando de moi bo recheo, non teñen unha masa espectacular. 





Carrilleiras (están exquisitas)


Rabo de toro



Nos pratos principais non o dubidedes: Se vos ofrecen as carrilleiras asadas aceptade e agradecede ós deuses que ese día volas ofertasen. Prepáranas exquisitas. Os poliños ou o xarrete asado son tamén unha boa elección. É probable que algún día vos digan que hai algunha especialidade de caza; polo de agora non coincidiu que o tivesen nas varias ocasións que a guiamichelíns estivo alí pero non desistiremos ata probalo. Os diferentes arroces de mariscos son outra especialidade do Area Grande que aínda non tivemos o pracer de degustar pero abofé que o faremos e seredes informados. (Nota: Xa o fixemos en dúas ocasións. Pedide arroz con vieiras e langostinos).



A carta de viños é extensa aínda que os prezos antóllanse algo elevados en relación cos da comida. As sobremesas son as habituais en Galicia. As filloas recheas do que queirades farán as delicias dos máis "ghaldrumeiros".

Dúas persoas poden comer perfectamente por uns corenta e poucos euros se comparten un entrante, dous segundos pratos, unha botella de viño e unha sobremesa. 

Se queredes saber máis:




29/9/10

La Casa de la Abuela

Valoración:

Se ides pola Guarda e buscades un restaurante con certo aire "finolis" pero que non sexa excesivamente caro, La Casa de la Abuela é unha opción. Non se come mal e o sitio é curioso.

A guiamichelíns estivo alí:

Si, xa sabemos que o nome non é moi orixinal aínda que o sitio ten o seu "aquel". Así e todo, hai algo de pretencioso que axiña queda ó descuberto. Cando entras debes agardar ante o atril de reservas a que se dignen outorgarvos unha mesa. Isto pode demorarse ata que alguén estime que xa estades abrumados coas fotos do famoseo que ten comido alí e que xa merecedes ser atendidos. Por suposto, preguntaranvos se tedes reserva e, caso que non a teñades, arrombaranvos contra unha parede "castigados". Evidentemente, todo depende de quen vos atenda pero xa vos adianto que se son a parella propietaria e non lles entrades ben polo ollo trataranvos con certo aire de superioridade. De tódolos xeitos, os camareiros son menos estirados e mesmo podedes ser moi ben atendidos, dependendo de quen vos toque.

A carta é relativamente extensa e hai especialidades que non están nada mal, coma o "Pulpo con Fabes", as "Setas á Prancha" ou o "Codillo". Tamén son recomendables os seus queixos quentes. Hai unha ensalada de cogollos de Tudela máis que aceptable. En xeral, a comida está ben pero xa vos preveño ante cousas coma o "Chorizo de la Abuela" pois o que vedes na foto é o que vos poñerán.

Non é por nada pero cando tiña vinte anos e chegaba ás tantas da madrugada a casa, eu mesmo preparaba algo con máis xeito. Outros detalles, coma que che deixen os cubertos usados cando retiran os primeiros, coma se estiveses comendo o menú do día no bar cercano ó choio, delatan a verdadeira esencia dun lugar que, aínda que aparente, queda simplemente niso.

Cando pidades as sobremesas xogaredes á ruleta rusa porque se pedides unha porción de torta ou pastel dos que mirastes ó entrar nun expositor (con moi boa pinta, por certo), estaredes expostos a que vos sirvan un cacho do lado que levaba cortado desde o día anterior e, en consecuencia, estea seco. Co fácil que sería sacarlle un centímetro co coitelo e levar algo en boas condicións á mesa do cliente.

Polo demais, ben. Non é excesivamente caro (sobre 50 euros dúas persoas con viño e algo de sobremesa) e o sitio, ademais de agradable, ten un punto romántico, sobre todo pola noite.

Alguén pode pensar que tivemos mala sorte pero como á guiamichelíns xa estivo alí en cinco ou seis ocasións sabemos do que falamos. En resumo, un sitio que estaría moito mellor se coidasen os detalles e, sobre todo, se non fose tan pretencioso.

Bo proveito e boa sorte...

Se queredes saber onde está:





5/8/10

Chupa Ovos

Valoración:

O Chupa Ovos é un mítico restaurante do Porto da Guarda no que se come moi ben de racións a uns prezos máis baratos que no resto dos restaurantes da zona portuaria. É un lugar diferente. A clientela habitual son os lugareños. Probablemente, unha das mellores opcións para comer ou cear nesta vila.

A guiamichelíns estivo alí:

O Chupa Ovos non está no mesmo paseo do porto xunto co resto de restaurantes para turistas senón a uns cantos chanzos subindo unha das escalinatas entre as casas dos mariñeiros. Aparcade na zona do porto e preguntade a algún nativo polo Chupa Ovos. O curioso cartel do establecemento asegura que levan abertos desde a década dos sesenta aínda que hai poucos anos fixeron unha remodelación total e o restaurante xa nada ten que ver coa casa de comidas que era no pasado. Agora todo está noviño do trinque aínda que a ambientación é un chisco "particular". Non é un sitio fino, iso desde logo, pero a mesmísima Marquesa de Pitiminí podería comer alí e non tería queixa da limpeza e atención ó cliente. Quizais hai demasiada luz artificial, e quizais o da porta automática de corredeira non sexa moi enxebre pero unha vez que sentedes nunha das moitas mesas dende as que se pode observar como traballan atarefadas na cociña aberta ó comedor un par de avoas e varias persoas máis comprenderedes que estades nun sitio diferente, dos que quedan poucos.

A carta de viños brancos é moi boa e predominan os do Rosal, como debe ser nesta comarca. Oxalá outros restaurantes do Baixo Miño tomasen nota e ofrecesen unha ampla variedade de brancos autóctonos.

Para comer, hai de todo un pouco. Recomendamos aquelas especialidades que van seguidas na carta do apelido da casa: O "Revolto Chupa Ovos", por exemplo, é moi saboroso. Unha curiosidade é o "Polo Adjamelado": finos filetes de peituga escabechados de sabor excelente. Se vos ofrecen a "Carrilleira Guisada" fóra da carta, non o dubidedes. Peixe espada con rebozado crocante (está realmente conseguido). As gambas á prancha, no seu punto. As racións son, en xeral, xenerosas. As camareiras e camareiros moi amables pero sen atosigar. Dúas persoas poden comer ou cear ben cunha botella de bo viño do Rosal sen chegar ós corenta euros. As noites de fin de semana, mesmo no inverno, convén ir cedo ou non atoparedes mesa pois é un dos lugares favoritos dos nativos.

Se queredes saber máis:





4/8/10

A Casa do Outeiro

Valoración:

Recomendamos este lugar para comer ben, a prezo razoable, nun sitio aqueladiño e digamos que algo "fino" (pero sen caer en cursiladas).

A guiamichelíns estivo alí:



Sala do baixo
 
Atención! se ides de noite non vos deixedes enganar polo letreiro de neón que escintilea en azul e rosa. A Casa do Outeiro non é un deses sitios... De feito, este acolledor restaurante é unha bonita e típica casa remozada do rural galego. Está situada no Concello da Guarda pero non no núcleo urbano. Teñen un aparcadoiro pequeno pero moi xeitoso, con viñedos e valados de pedra. Tamén teñen un salón para vodas e banquetes nun lateral da casa pero imos falar do que interesa: comer ben na casa.


Maigret de Pato
Podedes facelo arriba, abaixo ou fóra (aínda que moito ollo cos mosquitos se ides nunha noite de verán: poden estragarvos a cea).

A carta ten pratos relativamente orixinais ademais dos habituais que se poden atopar en Galicia. "Saltimboca al Marsala" é unha desas curiosidades; moi recomendable. Sáelles realmente moi ben o "Lombo de Porco Ibérico con Prebe de Boletus" pero tamén recomendamos o "Peixe Espada á Prancha" ou os "Medallóns de Solombo de Porco Ibérico con Prebe de Cogomelos". Recentemente probamos o "Maigret de Pato con salsa Cumberland", absolutamente delicioso.


Saltimboca al Marsala
 Se queredes beber un viño branco do Rosal podedes arriscarvos co que teñen colleiteiro "caseiro"; cando sae unha botella boa é excelente en relación calidade-prezo aínda que non sempre toca unha botella en condicións axeitadas. É o que ten o viño embotellado en casa. En tintos, podedes moderar o gasto se pedides un Mencía de Valdeorras: "Joaquín Rebolledo" é moi do gusto desta guía. Cómese moi ben en xeral aínda que se pedides un tinto que non teñan no refrixerador teranvos que traer unha champañeira con auga e xeo para baixarlle a temperatura.

A torta de chocolate e galleta quédalles riquísima. Os camareiros sónchevos moi atentos e amables. Dúas persoas poden comer por uns 40 euros se non toman entrantes e piden viño caseiro. Pero se pedides un viño con marca e tomades un entrante, xa pagaredes máis de 50 euros. O entorno do restaurante é moi tranquilo.

Se queredes saber máis: