Restaurante sen pretensións no que se pode comer moi ben a prezos asequibles. Boa situación, amabilidade, sobriedade e boa cociña caseira.
A guiamichelíns estivo alí:
É fácil chegar; o Area Grande está xusto fronte á pequena praia guardesa que lle dá nome. Os sábados e domingos adoitan facer cociña caseira fóra de carta. Normalmente, guisos moi recomendables. Precisamente por ese motivo os clientes habituais acaban axiña coas existencias, razón pola cal, recomendamos ir cedo. A partir das tres é dificil que queden existencias máis alá das habituais da carta.
Seguindo a nosa liña habitual, trataremos aconsellarvos para que comades o mellor posible a prezos contidos. Deste xeito, sería unha moi boa elección comezar cuns calamares rebozados. O pulpo á feira, a tortilla de patacas ou as croquetas de xamón/carne son tamén moi apetecibles. As zamburiñas non están mal, quizais algo aceitosas de máis e as empanadas, aínda gozando de moi bo recheo, non teñen unha masa espectacular.
Carrilleiras (están exquisitas) |
Rabo de toro |
Nos pratos principais non o dubidedes: Se vos ofrecen as carrilleiras asadas aceptade e agradecede ós deuses que ese día volas ofertasen. Prepáranas exquisitas. Os poliños ou o xarrete asado son tamén unha boa elección. É probable que algún día vos digan que hai algunha especialidade de caza; polo de agora non coincidiu que o tivesen nas varias ocasións que a guiamichelíns estivo alí pero non desistiremos ata probalo. Os diferentes arroces de mariscos son outra especialidade do Area Grande que aínda non tivemos o pracer de degustar pero abofé que o faremos e seredes informados. (Nota: Xa o fixemos en dúas ocasións. Pedide arroz con vieiras e langostinos).
Dúas persoas poden comer perfectamente por uns corenta e poucos euros se comparten un entrante, dous segundos pratos, unha botella de viño e unha sobremesa.
Se queredes saber máis:
No hay comentarios:
Publicar un comentario