Valoración:
Pequeno restaurante, moi acolledor. Prezos non moi elevados se escolledes a opción de comer basicamente con entrantes. Boa cociña en xeral.
A guiamichelíns estivo alí:
Pódese ir á hora de xantar, claro, pero polas características do lugar pensamos que o gozaredes máis pola noite. A casa está en Goián, na rúa San Cristóbal. Ten un comedor ben posto aínda que a sala da taberna resulta quizais máis enxebre.
Un truco: tedes que empurrar forte a pequena e xenuína porta de madeira para que abra.
Un aviso: ollo coa testa ó entrar! Hai vigas de madeira a unha altura perigosa para os altos.
Se vai frío é probable que teñades un bo lume na cheminea o que, xunto coa axeitada decoración, fará a cea máis agradable.
Boa carta de viños, con brancos senlleiros da comarca. A recomendación para os que vaian xustos de cartos é o Rosal da casa. É un viño colleiteiro da zona de calidade.

Os pratos de peixe e carne son de prezo algo elevado pero para os que non queiran gastar de máis poden comer perfectamente a base de entrantes.
As sobremesas están ben traballadas. Destacamos o "Sabayón con Oporto".
Estudando a carta, dúas persoas poden comer moito e ben sen chegar ós corenta euros pero súbese fácil a sesenta se pedides carnes ou peixes. A xefa de sala é amable se solicitades a súa opinión.
Se queredes saber máis:
No hay comentarios:
Publicar un comentario