21/9/11

Mirador do Val

Antes de nada, queremos lembrar que este blog é absolutamente independente e que non se move por ningún tipo de afán lucrativo. Tamén reiterar que tratamos de ser o máis sinceros posibles pois queremos que, se alguén deposita a súa confianza en nós e segue os nosos consellos, ese alguén descubra lugares e sabores libremente pero con indicacións desta guía que, antes de publicar detalles sobre un establecemento, o visita en varias ocasións para evitar "xulgar" un sitio pola boa ou mala sorte que se poida ter nunha ou dúas escasas veces. A guiamichelins estivo no establecemento que agora nos ocupa en ocasións dabondo como para poder dicir o seguinte: Todo moi ben excepto a irregularidade na cociña. É dicir, a mesma empanada, os mesmos calamares, as mesmas croquetas, etc., da carta desta tapería, unhas veces están exquisitas e outras... non. Pensamos sinceramente que, se puidesen corrixir esa irregularidade e conseguir que cada unha das tapas estea sempre máis ou menos igual de ben, a Tapería Mirador do Val sería un sitio inigualable.

Valoración: 

Magnífica terraza-xardín, amabilidade, prezos axustados, todo "case" perfecto...

A guiamichelins estivo alí:

O Mirador do Val está moi cerca dos Muíños do Folón, no vizoso Val do Rosal (terra privilexiada, sen dúbida). A visita ós muíños é, desde logo, obrigada. Se non os coñecedes, ide e gozade dunha marabilla máis das que posúe a agrazada comarca do Baixo Miño. Está máis cerca dos Muíños do Folón que dos Muíños do Picón, tede iso en conta. Atoparédelo antes de chegar ós muíños. Pero imos falar da Tapería Mirador do Val:


A terraza-xardín está realmente ben, sobretodo se levades nenos e rapazada pois alí estarán á súa bola pero seguros, e vós estaredes tranquilos mentres eles se foguean sen molestar a ninguén. Se vai boa temperatura (e normalmente no Rosal o clima acompaña), alí estase de coña.

O personal é encantador. Case todos son familia e saben facer que a xente estea cómoda sen atosigar o máis mínimo. Para empezar (ou para acabar) podedes pedir que vos preparen uns "mojitos", sempre e cando estea un dos homes da casa que, ademais de ser cubano, é quen os prepara, claro.

En canto á comida recomendamos os calamares, o pulpo, as croquetas e, en xeral, calquera das tapas que ofertan pois, normalmente, están moi ben. Os pratos de peixe son ricos e conseguidos aínda que non sabemos se pasará con eles o mesmo que coas tapas. En canto ós viños, para o noso gusto, o mellor viño do Rosal que teñen é o Quinta Couselo e paga a pena gastar uns poucos euros máis no viño pero, por suposto, iso vai en gustos.

Se chegades ás sobremesas e aínda non probastes os mojitos, é o momento pero ollo, que despois custa marchar.

As tapas roldan os 4-5 euros, o viño de calidade os 13 euros, as sobremesas, os 3,5 euros, os mojitos, 3,5 euros tamén. Dúas persoas poden comer e beber moi ben por menos de 40 euros, seguro. Comendo pratos o prezo non sube moito, é un sitio barato, de momento.

Un gran sitio que o será máis co tempo, estamos case seguros. Tedes que ir. Sorte!

Para saber máis:


30/3/11

Area Grande

Valoración:

Restaurante sen pretensións no que se pode comer moi ben a prezos asequibles. Boa situación, amabilidade, sobriedade e boa cociña caseira.

A guiamichelíns estivo alí:

É fácil chegar; o Area Grande está xusto fronte á pequena praia guardesa que lle dá nome. Os sábados e domingos adoitan facer cociña caseira fóra de carta. Normalmente, guisos moi recomendables. Precisamente por ese motivo os clientes habituais acaban axiña coas existencias, razón pola cal, recomendamos ir cedo. A partir das tres é dificil que queden existencias máis alá das habituais da carta.





Seguindo a nosa liña habitual, trataremos aconsellarvos para que comades o mellor posible a prezos contidos. Deste xeito, sería unha moi boa elección comezar cuns calamares rebozados. O pulpo á feira, a tortilla de patacas ou as croquetas de xamón/carne son tamén moi apetecibles. As zamburiñas non están mal, quizais algo aceitosas de máis e as empanadas, aínda gozando de moi bo recheo, non teñen unha masa espectacular. 





Carrilleiras (están exquisitas)


Rabo de toro



Nos pratos principais non o dubidedes: Se vos ofrecen as carrilleiras asadas aceptade e agradecede ós deuses que ese día volas ofertasen. Prepáranas exquisitas. Os poliños ou o xarrete asado son tamén unha boa elección. É probable que algún día vos digan que hai algunha especialidade de caza; polo de agora non coincidiu que o tivesen nas varias ocasións que a guiamichelíns estivo alí pero non desistiremos ata probalo. Os diferentes arroces de mariscos son outra especialidade do Area Grande que aínda non tivemos o pracer de degustar pero abofé que o faremos e seredes informados. (Nota: Xa o fixemos en dúas ocasións. Pedide arroz con vieiras e langostinos).



A carta de viños é extensa aínda que os prezos antóllanse algo elevados en relación cos da comida. As sobremesas son as habituais en Galicia. As filloas recheas do que queirades farán as delicias dos máis "ghaldrumeiros".

Dúas persoas poden comer perfectamente por uns corenta e poucos euros se comparten un entrante, dous segundos pratos, unha botella de viño e unha sobremesa. 

Se queredes saber máis:




8/3/11

Casa das do Correo

Valoración:

Pequeno restaurante, moi acolledor. Prezos non moi elevados se escolledes a opción de comer basicamente con entrantes. Boa cociña en xeral.

A guiamichelíns estivo alí:

Pódese ir á hora de xantar, claro, pero polas características do lugar pensamos que o gozaredes máis pola noite. A casa está en Goián, na rúa San Cristóbal. Ten un comedor ben posto aínda que a sala da taberna resulta quizais máis enxebre.

Un truco: tedes que empurrar forte a pequena e xenuína porta de madeira para que abra.

Un aviso: ollo coa testa ó entrar! Hai vigas de madeira a unha altura perigosa para os altos.

Se vai frío é probable que teñades un bo lume na cheminea o que, xunto coa axeitada decoración, fará a cea máis agradable.

Boa carta de viños, con brancos senlleiros da comarca. A recomendación para os que vaian xustos de cartos é o Rosal da casa. É un viño colleiteiro da zona de calidade.


En canto ós entrantes, a ensalada de vieiras e langostinos está realmente conseguida. As croquetas, boas. Os "calamares" (aínda que en realidade serven chipiróns) mellor á prancha que fritidos. Non entendemos moi ben por que non din claramente na carta que son chipiróns. O certo é que é unha constante que se repite en Galicia a de poñer na carta "calamares" e despois server chipiróns... En fin, nada grave.

Os pratos de peixe e carne son de prezo algo elevado pero para os que non queiran gastar de máis poden comer perfectamente a base de entrantes.

As sobremesas están ben traballadas. Destacamos o "Sabayón con Oporto".

Estudando a carta, dúas persoas poden comer moito e ben sen chegar ós corenta euros pero súbese fácil a sesenta se pedides carnes ou peixes. A xefa de sala é amable se solicitades a súa opinión.

Se queredes saber máis:




11/10/10

Lagar en Eiras

Valoración:

Un sitio enxebre, onde comeredes ou cearedes ben en xeral, e a prezos non moi elevados.

A guiamichelíns estivo alí:

Antes de nada dicirvos que este restaurante merece ser coñecido por varios motivos así que reservade algunha das vosas visitas á comarca do Baixo Miño para o "Lagareiras".

Dado este consello imos darvos outro: esquecédevos do GPS e do google maps porque o Lagar está moi agochadiño e de pouco vos servirá a tecnoloxía. Probade a ir con alguén que xa o coñeza (se ides de noite) ou, se ides polo día, preguntade a algún autóctono unha vez esteades na sorprendente parroquia de Eiras, no concello do Rosal.

Hai varios ambientes e, unha vez máis, permitídenos aconsellarvos: se está aberta e vai bo tempo, non o dubidedes, comede ou ceade na terraza. É unha especie de patio-xardín-museo traseiro, moi ben ambientado. Se a noite é calorosa mesmo pareceravos máxica. Outra gran elección é sentar no comedor interior, enxebre e moi acolledor coa luz xusta e a súa cheminea no inverno. Por último, desde hai poucos anos hai unha nova sala, a galería, moderna, luminosa e agradable, que xa veredes dende a zona de aparcamento. Nesta galería permítese fumar, así e todo, escoitade fumadores: se hai sitio, elixide o comedor interior e xa sairedes botar o pitillo antes da sobremesa ou cando marchedes. Por suposto, recomendamos reservar para poder optar con éxito á terraza ou ó comedor interior.


Como entrantes hai moitos queixos e friames. En canto á oferta de pratos, a cousa redúcese drásticamente pois no "Lagareiras" presumen de facer cociña de temporada e con produtos da zona. En xeral, cociñan ben polo que podedes pedir calquera cousa sen correr excesivos riscos. Desde logo, os "Tacos de Lombo de Boi" están de vicio pero ollo, como case tódolos pratos no Lagar, non son moi abondosos e, ademais, quizais pequen de minimalistas en canto á guarnición pero supoñemos que terán os seus motivos. Outra boa escolla serían as "Carrilleiras de Vitela" (se as teñen fóra de carta). A "Peitugha de Parrulo" non está mal pero faise un pouco aburrida cando vai quedando fría. De tódolos xeitos, como a oferta é cambiante ó longo do ano quizais a mellor opción sexa deixar que Miguel ou outra persoa do Lagar vos aconselle. Confesamos non ter probado a "Lamprea á Bordelesa" por non ternos coincidido nunca aínda en época pero trataremos de solucionalo.

Tacos de Lombo de Boi

En canto ós viños, tedes un pouco de todo e se amades os brancos galegos podedes probar un Rosal que fai o devandito Miguel e que, ó noso entender, é un viño excepcional.


Das sobremesas podemos dicir que as "Tartes de Queixo" e os "Biscoitos de Chiculate" non están á altura do agardado. Quizais sexan mellor opción as especialidades locais, como a "Rosca de Xema" ou os "Mirabeles".


O café, de Pota, claro e o licor, pois xa que estamos onde estamos, de Cilantro.

A atención do persoal é a xusta e necesaria. Non hai "ghaseosa" nin "cubitos de xeo". Podedes discrepar desas decisións pero é o que hai.


Os prezos non son elevados en relación coa boa calidade dos produtos. Dúas persoas poden comer compartindo un entrante, saboreando cadanseu prato principal e completando con sobremesa, bo viño e café de pota sen chegar ós 50 euros.


Adoitan abrir en fins de semana e festivos pero consultade o calendario da súa web.

En resumo, non é a mellor cociña do mundo pero dependendo da sorte que teñades, podedes saír coa sensación de ter descuberto un dos segredos mellor gardados da comarca. Quizais o que máis nos guste do Lagar en Eiras sexa o orgullosos que os donos están del.

Se queredes saber máis:












29/9/10

La Casa de la Abuela

Valoración:

Se ides pola Guarda e buscades un restaurante con certo aire "finolis" pero que non sexa excesivamente caro, La Casa de la Abuela é unha opción. Non se come mal e o sitio é curioso.

A guiamichelíns estivo alí:

Si, xa sabemos que o nome non é moi orixinal aínda que o sitio ten o seu "aquel". Así e todo, hai algo de pretencioso que axiña queda ó descuberto. Cando entras debes agardar ante o atril de reservas a que se dignen outorgarvos unha mesa. Isto pode demorarse ata que alguén estime que xa estades abrumados coas fotos do famoseo que ten comido alí e que xa merecedes ser atendidos. Por suposto, preguntaranvos se tedes reserva e, caso que non a teñades, arrombaranvos contra unha parede "castigados". Evidentemente, todo depende de quen vos atenda pero xa vos adianto que se son a parella propietaria e non lles entrades ben polo ollo trataranvos con certo aire de superioridade. De tódolos xeitos, os camareiros son menos estirados e mesmo podedes ser moi ben atendidos, dependendo de quen vos toque.

A carta é relativamente extensa e hai especialidades que non están nada mal, coma o "Pulpo con Fabes", as "Setas á Prancha" ou o "Codillo". Tamén son recomendables os seus queixos quentes. Hai unha ensalada de cogollos de Tudela máis que aceptable. En xeral, a comida está ben pero xa vos preveño ante cousas coma o "Chorizo de la Abuela" pois o que vedes na foto é o que vos poñerán.

Non é por nada pero cando tiña vinte anos e chegaba ás tantas da madrugada a casa, eu mesmo preparaba algo con máis xeito. Outros detalles, coma que che deixen os cubertos usados cando retiran os primeiros, coma se estiveses comendo o menú do día no bar cercano ó choio, delatan a verdadeira esencia dun lugar que, aínda que aparente, queda simplemente niso.

Cando pidades as sobremesas xogaredes á ruleta rusa porque se pedides unha porción de torta ou pastel dos que mirastes ó entrar nun expositor (con moi boa pinta, por certo), estaredes expostos a que vos sirvan un cacho do lado que levaba cortado desde o día anterior e, en consecuencia, estea seco. Co fácil que sería sacarlle un centímetro co coitelo e levar algo en boas condicións á mesa do cliente.

Polo demais, ben. Non é excesivamente caro (sobre 50 euros dúas persoas con viño e algo de sobremesa) e o sitio, ademais de agradable, ten un punto romántico, sobre todo pola noite.

Alguén pode pensar que tivemos mala sorte pero como á guiamichelíns xa estivo alí en cinco ou seis ocasións sabemos do que falamos. En resumo, un sitio que estaría moito mellor se coidasen os detalles e, sobre todo, se non fose tan pretencioso.

Bo proveito e boa sorte...

Se queredes saber onde está:





16/9/10

Abadía de Eiras

Valoración:

Se queredes comer decentemente nun restaurante moi bonito sito nun entorno tranquilo e agradable, esta pode ser unha boa opción. Pero, ollo! os prezos son elevados en relación coa súa calidade. Págase máis polo sitio que pola comida.

 A guiamichelíns estivo alí:

A Abadía de Eiras é unha casa rural. Ten un restaurante cunha coidada arquitectura e decoración do tipo habitual nestes establecementos en Galicia: pedra e madeira. Atoparédela na parroquia de Eiras, Concello do Rosal.

O restaurante dispón de varias salas. Poida que a máis orixinal sexa a que dá ó xardín, dende a que poderedes contemplar unha vista moi agradable.

A carta de viños quizais sexa unha das mellores da comarca. Tanto a carta en si, fisicamente moi ben presentada, como no seu contido. Pero, como pasa tamén coa carta da comida, os prezos son algo elevados. É reconfortante comprobar que abondan os marabillosos viños brancos autóctonos do Rosal, cousa que, inexplicablemente, non adoita ocorrer en moitos outros restaurantes da comarca. Recomendamos calquera Rosal da carta en xeral pero, se aínda non coñecedes Davila, Quinta Couselo ou Tollodouro, esta sería unha boa oportunidade. Así e todo, a guiamichelíns ten un claro campión mentres outro viño do Rosal non lle arrebate o posto: Aforado Rosal, selección de cepas antigas (algo caro, iso si: 20 euros). Atención! non confundir con Aforado Albariño que, aínda que tamén é un gran viño, non deixa de ser un albariño monovarietal, sen a máxica mestura de variedades cultivadas no val do Rosal.

No que toca ás comidas non hai moito que destacar. Son especialidades relativamente habituais e pouco orixinais, en xeral. A materia prima e a preparación son correctas pero avisamos que non están en consonancia co elevado prezo. O "Salteado de Foie, Zamburiñas (ou sexa, volandeiras) e Mango (que substitúen por piña cando non teñen mango)" quizais sexa o máis orixinal que poidades pedir como entrante.

Facemos un inciso: A ver cando en Galicia empezamos a chamar ás cousas polo seu nome. As zamburiñas son moi semellantes ás volandeiras pero o que se serve nos restaurantes son volandeiras, e ben ricas que son. As zamburiñas deixáronse de server hai moitos anos pois as volandeiras abondan moito máis. O mesmo pasa co boi e a vaca ou coas navallas e os longueiróns. Non hai nada de malo en dicirlle ó cliente que está comendo volandeiras, vaca ou longueiróns.

Seguindo cos entrantes, as "Croquetas Caseiras" son normaliñas, normaliñas. Como prato principal podedes escoller o "Arroz de Peixe Sapo e Vieiras". Tamén ofertan cordeiro fóra de carta, que preparan ó xeito de Castela, pero vamos, cada cousa no seu sitio. Desde logo non esperedes que o año estea como en Pedraza ou Lerma, por nomear dúas localidades castelás onde si que adoitan asar ben o cordeiro. Das sobremesas, pouco que dicir; nada especialmente destacable pero podedes probar por se descobrides algo. O "Brownie" non está mal.

As racións son axeitadas. Quizais escasas se as comparamos con Portugal ou Galicia en xeral, pero axeitadas.

O persoal é amable, o que xa é algo a destacar nestes tempos.

Dúas persoas poden degustar un par de entrantes, compartir un prato principal e unha sobremesa, e gozar dun bo viño do Rosal por uns 60 euros. Pero a conta pode acadar facilmente ós 70 euros se non vos fixades nos prezos á hora de pedir.

Se queredes saber máis:

http://www.abadiaeiras.es/

26/8/10

Adega Regional en Chamosinhos

Valoración:

Se queredes comer ben, moito e barato, podedes ir á Adega Regional en Chamosinhos. Neste establecemento típico portugués non atoparedes grandes luxos pero comeredes a fartar boas especialidades miñotas a prezos económicos.

A guiamichelíns estivo alí:

É de case todos sabido que en moitas ocasións paga a pena cruzar a raia e ir xantar ó país viciño. Hai moitos e moi recomendables lugares para comer alén do Miño. A Adega Regional, na aldea de Chamosinhos, é un deles. Pertence ó Concelho de Valença e podedes chegar collendo a segunda saída a Chamosinhos que hai á dereita indo pola estrada desde Valença a Vilanova de Cerveira. Despois seguides un quilómetro aproximadamente e chegades a unha pequena praciña onde está o restaurante. Atoparédelo, non é dificil e é ben coñecido.

Ó mediodía hai moita xente que vai comer alí no seu parón da xornada laboral, tanto portugueses como galegos que sinten fame cando esta os colle na beira portuguesa do Miño. Polas noites o ambiente é máis distendido e os comensais botan máis tempo a comer de vagar. Chama a atención que hai máis balbordo do habitual nos restaurantes portugueses, quizais polos moitos galegos ou quizais porque os portugueses, cando beben viño, tamén van subindo o volume. Así e todo, non é un lugar ruidoso, nin moito menos. A decoración é típica portuguesa, sen grandes pretensións, pero agradable e, sobretodo, acorde co que se agarda dun lugar económico.

Coa carta serviranvos os típicos petiscos a modo de croquetas e empanadillas. Comédeos se queredes, só vos cobrarán dous euros pero tede en conta que despois vén a comida e teredes que demostrar o voso saque.

Uns pratos sáenlles mellor cá outros pero, en xeral, cociñan moi ben. A Guiamichelíns recoméndavos ferventemente o Bacalhau á Casa, do que amosamos unha foto. Prepáranno rebozado e fritido, cunhas tiras de cebola, pementos vermellos, olivas negras e patacas saborosísimas. Aínda que custa 15 euros o prato asegurámosvos que dúas persoas comen ben. Está delicioso. Mesmo se non che gusta  moito o peixe aconsellamos que o probes. Ten fe, e xa nos comentarás.
Bacalhau á Casa
Outra moi boa aposta é o Polvo na Brasa, moi ben preparado tamén, coas súas cenorias, brécol e pataca cocida. Pero se ides pedir o bacallao chega con que do pulpo encarguedes meia dose.

Outras recomendacións son o Bacalhau na Brasa, o Frango ou o Entrecosto. Para beber, a guiamichelíns tenno moi claro: Vinho Verde Branco. Sérvenno nuns xerros de cristal e sae fresco pola billa da barra, coma se fose unha cervexa, e custa dous euros cada xerro pequeno (medio litro, aprox.). Hai outro xerro maior (dun litro, aprox.) que custa tres euros. Pedide ese directamente porque o Viño Verde Branco entra coma un refresco.  Por certo, non é que sexa verde, é que é un tipo de viño do norte de Portugal. Haino tamén tinto.

Se aínda tedes un oco no voso bandullo cheo podedes pedir algunha sobremesa pero supoñemos que isto non ocorrerá. Os cafés son ricos e diminutos e non volos cobrarán.

O personal é amable e o salón está cheo case que de seguido. Non vaiades tarde que teñen horario europeo. Dúas persoas poden comer por 30 euros e catro por 45 e non dar acabado con todo a pesar de estar moi rico. Ánimo, campións!

Se queredes saber máis: